Asignacións ós grupos políticos na corporación: De conformidade co disposto no artigo 73.3 da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, aboaráselle a cada grupo político con representación na Corporación Provincial as seguintes asignacións:
- Compoñente fixo: 900,00 € mensuais a cada grupo.
- Compoñente variable: 900,00 € mensuais por cada deputado.
Os grupos políticos terán dereito ao uso dun local no Pazo Provincial, dotado de mobiliario e enerxía eléctrica. Os restantes gastos de funcionamento, tales como material de oficina e gastos de teléfono e de correspondencia, serán de conta de cada grupo. No caso dos gastos telefónicos e de conexión a Internet, de ser estes soportados pola Deputación, deducirase a súa contía nas liquidación mensuais da subvención ao grupo.
Os grupos políticos non poden destinar as subvencións que perciban a aboar remuneracións do persoal que preste servizos na Corporación, nin á adquisición de bens que poidan constituír activos fixos patrimoniais. Os grupos deberán levar unha contabilidade específica na que figuren as subvencións percibidas e os gastos ás que estas se destinen, contabilidade que estará a disposición do Pleno da Corporación cando este a solicite”.
A Deputación Provincial porá a disposición dos grupos políticos medios persoais para a realización de funcións de apoio, de confianza política e asesoramento especial, de conformidade coas seguintes regras:
- A Deputación Provincial procederá á designación do dito persoal en réxime de persoal eventual, conforme co disposto no artigo 104 da Lei de bases de réxime local. O nomeamento será efectuado pola Presidencia a proposta dos grupos políticos, subscrito polo portavoz de cada grupo. A dita proposta terá carácter vinculante para a Presidencia, excepto no suposto en que recaia nunha persoa na que concorra calquera causa legal que impida o seu nomeamento.
- O cese dos funcionarios eventuais será automático coa conclusión do mandato. Así mesmo a Presidencia poderá acorda-lo seu cese en calquera momento previa proposta do grupo político correspondente, que terá carácter vinculante.
- Os postos de persoal eventual ó servizo dos grupos políticos recolleranse na Relación de Postos de Traballo e no Anexo de Persoal dos Orzamentos, coas características seguintes:
- Os postos de técnico medio se asimilarán ao subgrupo A2, con nivel 26 de complemento de destino e un complemento específico de 14.396,48 € anuais.
- Os postos de administrativo se asimilarán ao subgrupo C2, con nivel 19 de complemento de destino e un complemento específico de 12.033,14 € anuais.
- O Grupo Popular disporá de tres técnicos medios e catro administrativos.
- O Grupo Socialista disporá de dous técnicos medios e dos administrativos.
- O Grupo de Democracia Orensana disporá de dous técnicos medios.
- O Grupo do BNG disporá dun técnico medio e un administrativo.
Non obstante o anterior, un dos postos de técnico medio ao servizo do Grupo Socialista terá a consideración de persoal laboral fixo, podendo seguir sendo desempeñado polo persoal laboral indefinido existente ou, de se –lo caso, polo persoal laboral interino que o substitúa, ata tanto se regularice a situación deste posto de conformidade coa lexislación vixente”.